Cultura e Deporte premia o labor das bibliotecas municipais


O Ministerio de Cultura e Deporte, en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), concedeu 370 premios a bibliotecas de municipios de menos de 50.000 habitantes de toda España, na súa XXII edición. Concedéronse premios aos mellores proxectos de animación á lectura dirixidos a todos os veciños, especialmente a colectivos con dificultades para o acceso á lectura, en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma respectiva e realizados por bibliotecas públicas de municipios con menos de 50.000 habitantes. Na edición deste ano presentáronse proxectos por parte de 547 municipios de toda España. As 370 bibliotecas dos municipios seleccionados recibirán un premio de 2.777,77 euros. Destes, os dez mellores verán incrementado ese importe ata os 10.000 euros. O destino destes premios será principalmente a compra de libros e/ou publicacións periódicas por parte das bibliotecas públicas. O programa, financiado polo Ministerio de Cultura e Deporte, conta cun investimento total de 1,1 millóns euros.