A Praza do Concello de Carballo estivo moi animada dende as 11 da mañá deste mércores 17 de maio, baixo un sol radiante e o ritmo do Concerto das Letras en homenaxe a Carlos Díaz, O Xestal, coa Banda de Música Municipal e a colaboración da Banda Municipal de Gaitas e o Coro do Conservatorio co Coro de Voces Brancas. Ambos actuaron xuntos e por separado, houbo cante, pandeireta e ademais no Ano do Xestal soou un dos seus clásicos máis recoñecidos, o ‘Apaga o Candil’, interpretado polo Coro de Voces Brancas dirixido por Gloria Pardines a ritmo da Banda de Música do Conservatorio, dirixida por Javier Bardanca. Ademais tamén houbo Pasarrúas e Letras na Rúa, concurso infantil de pintura e debuxo, monicreques e regueifa.
En Zas houbo unha dobre sesión de teatro no auditorio de Baio. Foi o turno das obras “O partido”: representada polo grupo ELAS Teatro do IES Maximino Romero de Lema, e “O trasplante de corazón”: do grupo de Teatro de 4º de EP do CEIP Labarta Pose.
No Centro Cívico de Malpica, o alumnado do CEIP Milladoiro e CEIP Joaquín Rodríguez Otero viviron unha xornada emocionante coa representación da obra “A viaxe feliz de Ramon San Fiz” de Fantoches Baj. A programación “Nun Mar de Letras”, da Concellería de Cultura, tivo moi boa acollida.
No Couto, en Ponteceso, a Fundación Eduardo Pondal levou a cabo os actos de O Dezasete, e fixo entrega dos seus Premios Bos e Xenerosos, que nesta edición recaeron na escritora María Canosa, no grabador Manuel Facal, na xornalista e comunicadora Pilar García Rego e no escritor Manuel Rivas. Os actos deron comezo coa inauguración dun mural que retrata ao icónico Balbino, feito realidade por Mutante Creativo, conformado por Sokram e Møu, unha dupla de muralistas con longa experiencia e ampla traxectoria. A banda de gaitas Inllar e Balbina Tamara Lema puxeron o acorde musical a esta xornada das Letras no Couto.
Coristanco acolleu o roteiro literario Asunción Antelo. Na praza da igrexa de Seavia houbo poesía e música na memoria da Rexoubeira de Bergantiños, ademais no Edificio de Servizos Múltiples tivo lugar o Concerto das Letras coa Coral Santa Cecilia e a Coral Polifónica de Cecebre.
A Laracha abría o cartel festeiro da programación das Letras Galegas este martes, coa actuación musical do grupo Luar na Lubre. As actividades proseguen na fin de semana con teatro infantil na Laracha, Paiosaco e Caión. Espectáculo de baile latino. O peche final será o domingo con baile tradicional galego a cargo das asociacións municipais Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco e Arume de Caión.