Cume municipal do BNG

1 minutes read

O BNG celebrou un cumio municipal en Santiago nunha xornada de traballo na que reuniu a unha nutrida representación de alcaldes, alcaldesas e responsables dos gobernos locais en pleno ano electoral, e anuncia que ese “anel de concellos nacionalistas” vai traballar para conseguir o cambio real liderado polo Bloque, tendo en conta que son a mellor carta de presentación do que a formación nacionalista poder ofrecer ao conxunto do país.

A viceportavoz parlamentaria, Olaia Rodil, compareceu en rolda de prensa precisamente para destacar o papel que os concellos do BNG pretenden xogar, “Queremos visibilizar o que moitos galegos e galegas viven cada día que é este anel de concellos nacionalistas, o mellor escaparate das políticas innovadoras e transformadoras que o BNG ten para ofrecer ao conxunto do país e que, estou convencida, de que poderemos despregar en toda Galiza este 2020”, salientou Rodil, en referencia á cita electoral.

A través dos gobernos municipais, explicou, o Bloque demostra que ten “un proxecto de país, a diferencia do PP, e demostramos que sabemos facer as cousas e que hai unha marca BNG recoñecible que se pode ver nos executivos locais que lideramos, convertidos en referentes, mesmo a nivel internacional. Un exemplo da capacidade do nacionalismo para mellorar a vida das persoas”.