Cumpre tomar precaucións ao realizar actividades acuáticas, dous mortos e un ferido este luns

2 minutes read
  • Un mergullador faleceu en Sanxenxo e outra persoa perdeu a vida na Veiga en Ourense.

Un mergullador perdeu a vida e outro resultou ferido de carácter leve en senllos accidentes rexistrados este luns en Punta Cabicastro, Sanxenxo.

Ambos os dous practicaban pesca submarina cando a vítima mortal foi alcanzada por unha embarcación e o outro mergullador feriuse levemente cun arpón.

O 112 Galicia recibiu os dous avisos a un tempo, ao fío das seis deste luns, a través de varias persoas que navegaban pola zona e dos equipos de Salvamento Marítimo. Decontado, avisouse aos profesionais sanitarios, xa que a persoa que fora alcanzada pola embarcación atopábase en parada cardiorrespiratoria sobre unhas rochas en Punta Cabicastro, na parroquia de Portonovo.

Alí acudiu un equipo do 061-Urxencias Sanitarias a bordo dunha UVI Móbil, mentres que unha asistencial dirixíase a atender ao mergullador que na mesma zona cravou un arpón. Con todo, os profesionais sanitarios nada puideron facer por salvar a vida do primeiro, que no momento do accidente realizaba pesca submarina xunto cun compañeiro.

Pola súa banda, o mergullador ferido levemente co arpón saíu da auga polos seus propios medios e incluso rexeitou ser evacuado en ambulacia para dirixirse el mesmo ao Punto de Atención Continuada da localidade.

Cómpre sinalar que este operativo contou en todo momento coa participación do Grupo Supramunicipal de Emerxencias, así como dos axentes da Garda Civil e da Policía Local.

Falece un home afogado na Veiga – Ourense

Un sesaxenario perdeu a vida na tarde deste luns na parroquia de San Fiz de Baños, en Ourense. O individuo foi encontrado no río localizado entre A Veiga e Baños ao redor das 18:00 horas.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ao recibir o aviso do servizo sanitario de urxencias indicando a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Ourense para socorrer a unha persoa afogada. De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias informaron aos Bombeiros e ao GES de Valdeorras, á Garda Civil e tamén aos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Desafortunadamente, pese aos esforzos dos servizos de emerxencia, nada puideron facer por salvarlle a vida.