Cúmprense tres meses de guerra en Ucraína


Rusia e Ucraína parecen abocadas a unha longa guerra de trincheiras no leste do país, onde cada vez hai máis morte e destrución. Pasaron tres meses e morreron miles de soldados, sen cifras contrastadas aínda. Decenas de miles resultaron feridos. Pero estas non son as únicas feridas da guerra, nas zonas como Bucha, onde se descubriron fosas comúns tras a retirada rusa, o trauma tardará xeracións en borrarse. A pesar dunha ampla concentración de forzas e do uso de artillería pesada, o Exército ruso apenas arrebatou unha pequena porción do territorio da rexión de Donbas que Ucraína controlaba o mes pasado. Ucraína detivo o avance ruso, recuperou territorio e bloqueou unha columna de decenas de quilómetros de vehículos blindados do exército ruso que pretendían ocupar Kiev. Mariúpol, cidade portuaria de enorme importancia estratéxica no mar de Azov, resistiu durante case tres meses a pesar do constante martilleo das bombas rusas. En todas partes, a “operación militar especial” deixou ao descuberto inesperados fallos loxísticos dun dos exércitos máis poderosos do mundo. Ante unha realidade inesperada e o forte apoio occidental a Ucraína, Moscova reduciu gradualmente os seus obxectivos.