Cursan unha denuncia por agresión á fauna silvestre nas illas Cíes


Axentes medioambientais denunciaron a unha persoa por unha presunta agresión á fauna silvestre na praia de Rodas, nas illas Cíes. Os feitos ocorreron a pasada fin de semana en presencia de varios visitantes, que advertiron do ocorrido ao posto de Socorro localizado na illa.

Tras recibir o aviso, os axentes desprazáronse ata o lugar dos feitos, onde algunha das testemuñas lles confirmaron que unha persoa acababa de golpear e matar cun pau a unha gaivota, enterrándoa posteriormente na area para ocultar o corpo.

Tal e como se recolle no oficio da denuncia, unha vez na praia os funcionarios lograron identificar ao presunto autor, quen recoñeceu a agresión alegando que actuou en defensa propia tras ser atacado pola ave pero que non pretendía matala. Tras pedirlle que se identificara cos seus datos persoais, os axentes comunicáronlle que ían practicar unha denuncia e que proximamente se lle notificaría a posible sanción, ante a que poderá alegar.

Cómpre destacar a profesionalidade dos axentes que acudiron á chamada do posto de Socorro de Cíes así como a colaboración inestimable dos visitantes que presenciaron a suposta agresión á gaivota, cuxa rápida actuación resultou clave para poder localizar ao presunto responsable e tramitar a correspondente denuncia administrativa en virtude da Lei de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

Trátase, en todo caso, dun feito illado e que contrasta co comportamento respectuoso que demostran a meirande parte dos visitantes que se achegan cada ano ata o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, atraídos polos seus valores ambientais e a riqueza da súa biodiversidade.