Curso de manexo do móbil para maiores e obradoiro lingüístico en Carballo

2 minutes read

O curso para que as persoas maiores melloren o manexo do teléfono móbil está a celebrarse no centro social Escola de Arrabaldes, no barrio da Milagrosa, coa participación de 15 persoas e a colaboración da Cruz Vermella. Os/as participantes recibiron a visita do alcalde, Evencio Ferrero, e da concelleira de Terceira Idade, Mar Eirís, que se interesaron polos avances conseguidos.

Para as vindeiras semanas están programados os seguintes cursos:

  • Aldemunde (centro social): 24, 25 e 31 de xaneiro
  • Rus (centro social): 1, 7 e 8 de febreiro
  • Vilela (centro social): 14,15 e 22 de febreiro
  • Carballo (lugar por definir): 23 e 28 de febreiro e 2 de marzo

As persoas que queiran participar poden anotarse:

  • A través das asociacións da súa parroquia e/ou dos consellos parroquiais.
  • Na Biblioteca Rego da Balsa.
  • Enviando un correo electrónico a comunicacion@carballo.gal

O mesmo correo electrónico está dispoñible para as entidades interesadas en organizar un curso na súa parroquia.

Obradoiro de acollemento lingüístico para persoas de fóra de Galicia

Por outro lado, o Servizo de Normalización Lingüística poñerá en marcha en febreiro dúas interesantes accións formativas.

Por unha banda, para as persoas de fóra de Galicia está programado un obradoiro de acollemento lingüístico, no cal, ao longo de 30 horas de duración, os/as participantes entrarán en contacto coa lingua e a cultura galegas. O curso, que se celebrará sempre que exista un grupo mínimo de 20 persoas inscritas, inclúe un manual de contidos para o alumnado. As clases serán todos os xoves, de 18.00 a 19.30 horas, dende febreiro ata xuño.

Tamén volven os cursos preparatorios das probas Celga 2, 3 e 4, que tan boa acollida tiveron na pasada edición. Neste caso será preciso contar cun mínimo de 10 participantes. As clases impartiranse todos os xoves, de 19.30 a 21.00 horas, no Fórum Carballo, dende febreiro ata o 1 de xuño.

As persoas interesadas, tanto o obradoiro de acollemento lingüístico coma nos cursos para prepara as probas Celga, pódense inscribir ata o 1 de febreiro enviando unha mensaxe ao teléfono 626 125 495 ou ao correo electrónico snl@carballo.gal