Curso de márketing dixital para emprendedores no Carballo Coworking

1 minutes read
  • A actividade, de balde, realizarase na aula de informática do Fórum Carballo os días 27, 28, 31 de maio e 1 de xuño

O espazo de traballo Carballo Coworking pon en marcha o curso “Introdución ao Márketing Dixital para emprendedores”, dirixido principalmente aos usuarios deste programa colaborativo, aínda que tamén está aberto ao público xeral ata completar o aforo dispoñible, fixado en 15 persoas para garantir as medidas de seguridade.

Os asistentes ao curso, que será de balde, terán a oportunidade de coñecer polo miúdo as principais claves dun plan de márketing e as diferentes fases de venda online. O posicionamento web e o uso e manexo das redes sociais serán, xunto coa creatividade gráfica dixital, outros dos aspectos sobre os que xirará esta formación, que se celebrará os días 27, 28, 31 de maio e 1 de xuño na aula de informática do Fórum Carballo, de 10.00 a 12.00 horas.

Jose Collazo, director e fundador da axencia carballesa A Meiga Márketing Dixital e Deseño Web, será o encargado de impartir esta formación, de 8 horas de duración, que mesturará as sesións teóricas con casos prácticos.

Rematado xa o prazo de matriculación para os membros do Carballo Coworking, desde o 19 ata o 21 de maio ás 14.00 horas, permanecerá aberta a quenda de inscricións para o público xeral. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición, e o formulario pode atoparse en www.coworkingcarballo.gal.