O secretario local e comarcal de Compromiso por Galicia Carballo, Jesús Deus Gende, emitiu un comunicado no que afirma que “existen no Concello un bo número de paneis de libre expresión cuxo obxectivo é a colocación de publicidade de distinta índole, carteis de festas, en épocas electorais ou outro tipo de eventos. Certo é que algúns están en bo estado, pero a maioría necesitan ser reparados ou cambiados, é o caso do situado á beira da gasolineira próxima á avenida de Compostela, que leva uns dous anos roto; a este únese o do lugar da Canosa na parroquia de Rus que tamén permanece tirado á beira da estrada, outros dispersos polas diferentes parroquias presentan un alto índice de putrefacción”.

Ademais, o representante local da formación tamén afirma que “en canto á sinalización vertical e horizontal (pasos de peóns…) é necesaria unha actuación urxente en numerosas rúas e parroquias, exemplo claro é entre outros o lugar mencionado anteriormente onde os sinais indicativos situados no cruzamento coa estrada xeral dirección Compostela, levan meses rotas na beirarrúa, sen ningún tipo de actuación. Doutra banda consideramos urxente que se proceda a dotar das pertinentes medidas de seguridade aos edificios ruinosos existentes no Concello, onde destacan algúns con alto grao de perigo en diferentes rúas da zona urbana, que poden causar danos materiais e persoais, máis tendo en conta os temporais que chegarán durante o inverno”, conclúe Jesús Deus Gende.