O secretario local en Coristanco de Compromiso por Galicia, Miguel Antonio Muíño Mato, acompañado do responsable comarcal da formación, Jesús Deus Gende, achegáronse ao refuxio de Verdes para coñecer en primeira persoa o mal estado de conservación no que se atopa.
“O mantemento do mesmo é nefasto, unha zona visitada por miles de persoas que é reclamo turístico polo seu encanto e beleza necesita unha atención constante por parte do Concello, tellados caídos, en mal estado, hedras que invaden edificacións ou outras estruturas, maleza, pasarelas rotas, zonas perigosas en diferentes lugares etc. Os veciños e veciñas do lugar transmítennos que hai un ano que deixou de prestar os seus servizos unha persoa encargada de realizar os traballos de acondicionamento, sen que ata a data fose substituído. Coas últimas choivas e a crecida do río a imaxe que pode observarse é pouco menos que horrible, non hai sinalización algunha ou valos de protección que advirtan do perigo que nestes momentos pode supoñer transitar ou visitar o complexo, por eso desde Compromiso por Galicia Coristanco pedimos que se procedan a realizar as actuacións pertinentes para devolver o encanto que outrora tivo, así como dotar de medidas de seguridade ao devandito lugar, co fin de evitar posibles contratempos”, conclúen.