O secretario local e comarcal da formación Compromiso por Galicia (CxG), Jesús Deus Gende, faise eco do malestar que lle transmiten infinidade de usuarios do centro de saúde de Carballo.
«Cónstanos que existen persoas con problemas graves de saúde ou outras doenzas que levan esperando por unha proba diagnóstica especializada dous anos, esperas de máis dunha hora nunha cola para poder optar á necesaria consulta médica, que de conseguila dilátase no tempo uns oito, dez ou inclusive máis días.Todo esto dá lugar a enfados, nerviosismo, tensión… así mesmo a que cada vez haxa máis xente en urxencias, o que se converte en moitos casos en esgotadoras horas agardando a ser atendido/a», afirma Deus Gende.
«Mentres tanto a clase política dedícase a pavonearse da súa boa xestión, do logro de conseguir un novo doutor, ou do que en un futuro incerto haberá un renovado centro de saúde que estará dotado de novos servizos». O verdadeiramente importante é o presente e por tanto garantir unha sanidade pública de calidade empezando pola atención primaria. «É por iso que urxe que os representantes públicos municipais se poñan de acordo, para alcanzar un consenso que dea lugar á presentación dunha petición formal á administración competente, que permita unha mellora urxente e necesaria deste sistema», conclúe o secretario local e comarcal da formación galeguista.