Os 21 rapaces galegos evacuados á península desde Mallorca en barco sometéronse voluntariamente a un test de antíxenos nas instalacións portuarias. Tiñan previsto saír de Valencia no serán deste pasado xoves pero a situación complicouse, cinco deron positivo en covid e nesa circustancia o protocolo fixaba que viñeran de volta a Galicia en ambulancia. Os 16 compañeiros que deron negativo volveron en autocar, un traxecto longo, de entre 12 e 14 horas, que rematou nas localidades de orixe dos rapaces, Arteixo e Vimianzo.
O grupo de galegos viaxou en barco con 20 adolescentes madrileños e 77 andaluces, illados do resto da pasaxe. Os autocares contratados polas tres comunidades accederon á adega do barco para recollelos dentro. Despois leváronos ata a carpa instalada pola Consellería de Sanidade de Valencia. Os vinte mozos madrileños negáronse a facer o test de antíxenos e continuaron a viaxe.
Cando estean na casa os adolescentes deberán completar a corentena que iniciaron no hotel da illa balear. Antes de coñecerse estes cinco positivos o macrogromo que se orixinou nas viaxes de fin de curso a Mallorca deixaba en Galicia un balance provisional de 157 infectados e máis de medio milleiro de persoas en corentena.
26
