A cita será este sábado 30 de xullo ás 20 horas no paseo da praia de Malpica. O lugar converterase nun escenario da maxia co espectáculo do mago Dani Polo, Galego-Maxia. Esta actividade está organizada pola concellería de Cultura en colaboración coa Deputación da Coruña.
Dani Polo é un ilusionista galego nacido en Melide no ano 2000. Aos 9 anos ten a sorte de poder acceder a unha escola de maxia en Lugo, onde coñecerá a un mestre desta arte, o mago Rafa, que lle proporciona unha aprendizaxe e asesoramento perfecto para continuar polo mellor camiño.
En 2010, con tan só 10 anos, prodúcese o seu debut como mago, e nas mellores condicións, no festival Compostela Máxica, rodeado de incribles artistas como Juan Mayoral ou o mismísimo Juan Tamariz.
En 2014, consegue o segundo premio no Festival Internacional de Maxia de Almussafes, Valencia. En 2017, gañou o terceiro premio en Maxia Xeral no XXXV Congreso de 2017 – Manresa – . En 2018, é un dos participantes da segunda tempada do programa «Pura Maxia».
Todo un mozo profesional que seguramente apasionará aos nenos, e non tan nenos, que acudan este sábado a súa cita coa maxia en Malpica.