Daniel Pérez: «Os orzamentos da Xunta para o 2021 esquécense da Costa da Morte»

1 minutes read
  • O deputado nacionalista fixo unha valoración do proxecto presentado polo goberno de Feijóo

«Os orzamentos da Xunta esquécense da Costa da Morte unha vez máis» destacou o deputado do BNG, Daniel Pérez, nunha valoración dos investimentos presentados polo goberno galego para o próximo ano.

Acompañado polo responsable comarcal do BNG da Costa da Morte, Serxio Domínguez, e polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, Daniel Pérez destacou que «o gran e practicamente único investimento previsto para o ano que vén é o corredor Baio-Berdoias, que leva esperando dende o 2007». No tema de portos, os nacionalistas botan en falta actuacións moi necesarias no de Corcubión e tamén no de Malpica. Neste último Pérez fixo fincapé de mellorar a seguridade das comportas “que xa provocaron un accidente mortal, e seguen sen solución”.

Os investimentos da Xunta na Costa da Morte para o ano que vén complétanse con 250.000 euros para a redacción do proxecto da variante de Carballo. “É inxustificable que o concello de Carballo, que é o motor económico de toda a comarca, teña este trato por parte da Xunta”, manifestou Daniel Pérez.