Daniel Pérez reclama un estudo sobre pobreza e exclusión social

1 minutes read

O deputado carballés do BNG, Daniel Pérez, reclamou ao Parlamento galego que inste á Xunta a desenvolver, e remitir á cámara nun prazo máximo dun mes, un estudo completo sobre o impacto da pobreza e o risco de exclusión social na economía galega, co obxectivo de poder establecer medidas específicas de actuación, acordadas cos axentes sociais, e dotalas das correspondentes partidas nos próximos orzamentos galegos. A proposición non de lei defendida polo deputado do BNG na Comisión de Economía, e que non prosperou polo veto do PP, alerta sobre a evolución negativa dos datos froito dos sucesivos gobernos do PP e que se ve agravada agora polo impacto do coronavirus. Neste sentido, o deputado advertiu de que o número de persoas en situación de exclusión social alcanza xa as 470.000 (o 17,4% da poboación), das que máis da metade se atopa en risco severo.