- Co seu paso a un lado o BNG perde a un dos seus históricos alcaldes. Evencio Ferrero é xunto co de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, un dos rexedores máis antigos da formación.
- Coa saída de Daniel Pérez do Pazo do Hórreo, a seguinte persoa que ocupou a lista do BNG pola provincia da Coruña é a militante Saleta Chao Rivas, quen previsiblemente ocupará a acta que deixa Daniel.
- A marcha de Evencio Ferrero como concelleiro motivará que entre na corporación local Daniel Barreiro, seguinte na lista da formación nacionalista.
O actual alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez, xubílase. Aos seus 70 anos de idade e tras máis de media vida adicado de pleno á política municipal, 22 anos á alcaldía, anunciou a súa renuncia este martes pola noite na asemblea do BNG celebrada en Carballo. O seu lugar á fronte da corporación municipal será ocupado polo actual concelleiro de Deportes, avogado laboralista e deputado autonómico, José Daniel Pérez López. O vindeiro sábado celebrarase un pleno no que Evencio presentará a súa dimisión. Daniel farase cargo entón da alcaldía e será tamén o candidato nas municipais de 2027.
Evencio formalizou a súa decisión no rexistro do Concello este mércores á mañá acompañado dos edís da súa formación e do persoal de confianza, moitos deles visiblemente emocionados. Xunto a todo o seu equipo, Evencio Ferrero iniciou a súa comparecencia agradecendo ao conxunto de traballadores e traballadoras que ao longo destes 46 anos como concelleiro, 22 deles como alcalde, quenes compartiron labores con el no Consistorio como «leais colaboradores», «facilitando o traballo e a xestión do día a día».»
«Entendo que chegou o momento en que debo renunciar, pensando no mellor para Carballo. É necesario cambiar cousas para que todo siga mellorando», dixo antes de explicar que á primeira persoa á que trasladou a súa decisión -ademais de comunicala «na casa»- foi a líder do BNG, Ana Pontón.
«Expúxose a posibilidade de esgotar o mandato e presentarme ás próximas eleccións, pero eu propuxen outra hipótese, que é na que estamos agora», dixo, para chancear co feito de que desde que fixo os 70 é xubilado «a efectos laborais». «E ademais, o Estado funciona moi ben, a pesar dos que din que non funciona, e mesmo antes do que paga o Concello, o día 24 xa tiña a nómina ingresada», concluíu.