Daniel Remuiñán gaña o Rallymix Concello de Piñor

1 minutes read

Os Yacarcross volveron dominar na modalidade de rallymix en Galicia copando o podio da terceira proba da tempada no Concello de Piñor (Ourense), onde Daniel Remuiñán lograba a súa primeira vitoria absoluta tras o abandono de Javier Ramilo na derradeira manga das cinco disputadas, ambos competindo con Yacarcross. De feito, Ramilo lograba o mellor tempo na primeira, na terceira e na cuarta, pero unha picada na última cando era líder con suficiente vantaxe e a posterior rotura do cárter impedíanlle completala, aínda que o tempo asignado lle permitía concluír segundo. Así Remuiñán, que era o máis rápido na quinta pasada, estreaba o seu palmarés nos rallymix nunha disciplina onde ten pouca experiencia, pero á que se soubo adaptar rapidamente. Outro dos debutantes este ano, Adrián Ameal, completaba o podio absoluto e da Clase A en a que tamén participaban Sergio Varela e Pablo Saa con Yacarcross.

En Turismos, vitoria do equipo da Escudería Yacar Racing formado por José Fernández-Juan Brun, que na súa primeira carreira cun Ford Fiesta R5 dominaban a Clase B que se decidía no derradeiro treito e que tiña a Perfecto Calviño-Javier Figueiredo na terceira praza da mesma co Peugeot 208 Proto, tras diversos problemas ao longo da fin de semana cos intercomunicadores e cun latiguillo de freo. A continuación clasificábanse Sandra García-Suso Romero (Peugeot 208 Proto), contando tamén coa participación do Seat 600 Proto de Mario Lorenzo-Marcos Calviño, que coa meta practicamente á vista na última pasada rompían a cadea.

Ademais, hai que salientar a vitoria no Rallysprint de Robledo de la Valdoncina, celebrado na provincia de León este sábado, de Abel Jurado superando a Antonio Viloria, ambos con Yacarcross, e entre os que destacaba Quique González coa cuarta praza.