Daum Palmea in extremis, a sexta vitoria do Obradoiro


Mike Daum disfrazouse de heroe salvador, e cun suave palmeo, a menos de 2 segundos do final, daba a vitoria ao Obradoiro este sábado en Sar. Sexta vitoria ante Montakit Fuenlabrada por 78-77, outro rival directo, nun novo final de infarto. E é que os partidos do Obradoiro deben contar con cardiólogos de urxencia pois os seus finais fan xerar taquicardias e alto risco de infarto.

Empezaba o partido cun Magee fallón. Ao Obradoiro custoulle entrar. Aparecía un “entre algodóns” Álvaro Muñoz, dúbida ata última hora, quen acendía a Caldeira con 2 triplos. Axustaba o equipo local o seu defensa e pechaban o primeiro cuarto cun 19-11.

O Obra víase superior pero non “mataba”. Vantaxes nuns contra un claras non eran aproveitadas polos galegos, quen buscaba posesións longas e circulación extrema. Bobrov impoñía a súa forza e os de Santiago non se escapaban no marcador.

Prodúcese entón a xogada clave deste segundo cuarto, clarificadora da situación. Antes de enfilar o camiño de vestiarios, os fuenlabreños, da man do mvp do partido Marc García (16 puntos, 6 rebotes, 2 asistencias para asinar 26 de valoración) anotan un triplo tras unha xogada na que chegan a coller ata catro rebotes ofensivos. Obradoiro non era capaz de coller unha vantaxe ampla a pesar de xogar ben, 38-32.

Tras o descanso saía Fuenlabrada fortísimo, cunha marcha máis que o Obradoiro, quen se mostraba titubeante. Empataban os de Jota Cuspinera en menos de 2 minutos, parcial de 0-6 de saída e 38-38 da man de Bobrov e Rowland.

Fuenlabrada deixaba claro que o partido non ía ser un paseo campestre para os composteláns, e que ían pelexalo todo. Meu dito meu feito pois os visitantes eran máis intensos, xestionaban mellor as faltas e agarrábanse ao partido sen tregua. Da man dun bo Bellas e os puntos de Rowland (15 puntos) e García (16 puntos) poñían en serios aprietos aos da casa, onde Kravic (11 puntos, 7 rebotes e 13 de valoración) e Brodziansky (18 puntos, 4 rebotes e 24 de valoración) mantiñan ao Obradoiro na brega e cunha lixeira vantaxe, 57-55 minuto 30.

Chegabamos ao último cuarto coas espadas no alto. Aparecía Czerapowicz con 2 triplos para levantar aos de Santiago, 64-61 minuto 33. Pozas lideraba ao equipo de maneira sensacional, pero acabo con 5 persoais, do mesmo xeito que Brodziansky e Czerapowicz, non podendo acabar o partido faltando 2 minutos. Obradoiro gañaba de 6 puntos e 2 erros, un triplo de Eyenga, mal defendido e unha inexplicable perda de balón dun Calloway descoñecido que parecía esconderse volvían poñer a máxima igualdade no electrónico.


Daum anotaba unha canastra vía instant replay, o cal invalidaba un tapón ilegal de Eyenga. Respondía Rowland cun 2+1, poñendo un peligrosísimo 76-77 para os da Comunidad de Madrid. Balón para Obradoiro que inexplicablemente non sobe a súa base Calloway e no medio campo é botado polo pivote Kravic. Chega o balón a mans de Muñoz que se xoga un triplo, errándoo. Con todo, é xusto aí onde aparece a man salvadora de Mike Daum “ Dauminator” que palmea dentro do aro a falta de menos de 2 segundos.

Último intento para os visitantes que sacan de banda. Rowland fáixase moi ben do seu defensor pero falla o seu tiro. Fin do partido e a vitoria que queda en casa. Así como hai unha semana en Gran Canaria, saía cruz, onte, saíu cara e Obradoiro afástase dos postos de descenso, axexa os que dan pasaporte á copa, onde maior atasco hai, e aumenta a súa serie de vitorias seguidas en casa a 3.

Próximo partido repite Obra como local, sábado 28 ás 18 h. Cita con Movistar Estudantes, outro rival directo, para tentar acabar o ano nunha moi boa situación. De momento, Obradoiro e a súa afección comerán o turrón en paz e sen sobresaltos clasificatorios, xa que no referente á conclusión dos partidos, o carrusel de emocións extremas está máis que garantido.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO