David Kaplún Medina puxo o broche final dos actos do instituto de Baio arredor do 25N


David Kaplún Medina, antropólogo, formador e investigador en Xénero, Violencia e Diversidade impartiu dous obradoiros no IES Maximino Romero de Lema, en Baio: Non me contes películas que se desenvolveu co alumnado de 4º de ESO e Masculinidades e Igualdade dirixido ao alumnado de 1º e 2º de FPB, e 1º de Bacharelato en distintas sesións. En ambos o relator estableceu un espazo para a interacción cos e coas participantes nas que se formulaban cuestións, dúbidas e reflexións para que sexan capaces de asumir filtros críticos que lles permitan distinguir os elementos de masculinidade que se nos inculcan dende pequenos.
Kaplún explicou a importancia de tomar conciencia da necesidade dunha maneira de educar e ensinar a nenos e nenas sen incidir en roles diferenciados e marcados por prexuízos e ideas estereotipadas dos sexos (bonecas, moda, maquillaxe…: nenas; fútbol, play, coches….: nenos.) nas que se fortalecen a competitividade, a represión emocional e a dominación nos rapaces. Polo contrario, as rapazas sociabilízanse na submisión (boas nais, boas amantes, coidadoras…), na empatía, na importancia do aspecto e na inseguridade.
Na segunda parte da súa intervención centrouse na sexualidade de hoxe en día, influída por condutas que se esperan de cada xénero; unha educación sexual falta do afecto e aprendida a través do porno fundamentalmente, o que leva a unha naturalización da violencia, tamén neste ámbito.
Debemos renunciar a converter a escola nun espello desta sociedade competitiva, desigual e patriarcal que impregna todo con normas violentas de dominio (eles) e submisión (elas) como xeito normalizado de asumir as relacións humanas.
A docencia de hoxe debe educar en igualdade para non perpetuar roles absurdos, de relacións de dominación home-muller que con tanto esforzo intentamos eliminar, e para facilitar ferramentas para un pensamento crítico e unha convivencia xusta.