De La Turballe a Camariñas en bicicleta | Polo 5º aniversario do irmandamento

Un total de 1.582 quilómetros, esa é a distancia que cubrirán os 10 ciclistas que saíron este martes desde La Turballe con destino Camariñas. Unha cicloruta organizada pola asociación La Turballe Cap Camariñas, o club ciclista Randonnée Cycliste Turballaise e os Concellos de La Turballe e Camariñas para celebrar o quinto aniversario do irmanamento entre os dous municipios.

A expedición foi despedida polo alcalde da localidade, Didier Cadro. Os ciclistas farán 10 etapas: saída desde La Turballe e paso por Jard sur Mer, Royan, Cap Ferret, Anglet, Mondragón, Burgos, León, Ponferrada, Sarria, Santiago de Compostela e Camariñas. A chegada a Santiago está prevista para o xoves 16 de xuño ás 10 horas e, ao día seguinte, o venres 17 de xuño, partirán cara Camariñas acompañados por ciclistas do club Baikers do Vilán para chegar ao redor das 17 horas á capital do encaixe.

Desde o goberno local de Camariñas animan a calquera persoa interesada a que se sume aos ciclistas do club Baikers do Vilán para acompañar aos irmáns franceses desde Santiago a Camariñas. O Concello facilitará o transporte a Santiago e o avituallamento para o camiño.

A delegación gala, aos que se sumará a presidenta de La Turballe Cap Camariñas, Dominique Floch, pasará a fin de semana en Camariñas e serán recibidos pola alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; e a concelleira Encarna Liñeiro.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha