Debate entre a Xunta e o Concello de Carballo polo estado da AC-414

2 minutes read

A Xunta remitiulle un escrito ao Concello de Carballo trasladándolle a súa disposición a actuar no firme da estrada AC-414, ao seu paso polo municipio, se a entidade local se compromete a asumir a transferencia deses treitos da vía, con funcionalidade eminentemente local.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, remitiulle ao alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a proposta para acometer a rehabilitación da citada estrada AC-414,  constituída por dous treitos antigos da vía AC-418, que na actualidade carecen de funcionalidade na rede autonómica de estradas, sendo o seu obxecto o acceso para os veciños dos núcleos da contorna e, polo tanto, tráfico local e non de carácter interurbano.

A Xunta trasladoulle ao alcalde de Carballo a proposta de incorporar na programación de investimentos do Plan de reforzos de firmes que leva a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas a rehabilitación e disposición dunha capa de rodaxe completa nesa estrada, de comprometerse o Concello a aceptar o cambio de titularidade dos citados dous treitos da vía.

Neste caso, unha vez a entidade local remita por escrito o seu compromiso de asumir o cambio de titularidade, a Xunta iniciará a tramitación oportuna para executar as actuacións e, posteriormente, tramitar o expediente de cambio de titularidade a prol do Concello de Carballo.

Versión do Concello

Dende o Concello de Carballo afirman nun comunicado que «no ano 2017 enviáronse á Consellería de Infraestruturas 6 solicitudes de arranxo da estrada autonómica AC-414 ao seu paso polas parroquias de Goiáns e Cances, unha delas acompañada con 198 sinaturas de veciños e veciñas da parroquia de Goiáns. En todas elas o Concello de Carballo ofrecíase a asumir a titularidade da vía sempre e cando a Xunta acometese primeiro o seu arranxo. Hai uns días enviouse a sétima, á cal respondeu o directo da AXI coa oferta que recolle a nota. Este martes remitíuselle, por parte do Concello de Carballo, a seguinte resposta».