Máis de 150 mortos e un millar de desaparecidos nas inundacións do oeste de Alemaña

1 minutes read

Alemaña, Bélxica, Países Baixos e Luxemburgo sofren as peores inundacións do século. A peor parte lévaa o oeste de Alemaña, onde se superan os 130 mortos e hai centos de desaparecidos, segundo destacan os xornais do país. Moitos corpos só poden ser localizados cando baixa o nivel da auga. As choivas torrenciais que comezaron o pasado martes afectan especialmente aos land de Renania do Norte-Westfalia e Renania Palatinado. As riadas arrastran coches e árbores cunha forza que desfonda edificios e rompe diques de encoros.

Do outro lado da fronteira, en Bélxica, fálase de polo menos 20 mortos. O desbordamento do río Vesdre provocou o derrube dunha decena de edificios na localidade de Pepinster. Máis de mil vivendas tiveron que ser evacuadas. Os rescates só poden facerse en bote. Os tellados, único refuxio para moitos, son demasiado baixos para a intervención de helicópteros.

A chanceler alemá Angela Merkel, de visita en Estados Unidos, expresou a súa conmoción e pesar pola traxedia e prometeu que se fará todo o posible para atopar aos desaparecidos. A presidenta da Comisión, a tamén alemá Ursula von der Leyen, asegurou en Twitter que a Unión Europea está lista para axudar.