Tras o aviso das autoridades políticas de botar man desta práctica de reunións, a mediados de xullo o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu a reunión da Sala de Control de Operativos (Sacop) na que participaron representantes das policías locais das principais cidades de Galicia, así como membros dos outros corpos de seguridade que actúan na comunidade, co fin de coordinar os dispositivos para poñer en marcha as fins de semana para controlar este tipo de reunións. O éxito da medida foi nulo.
Séguense celebrando máis botellóns que nunca, en pisos, en leiras privadas e o peor, en espazos públicos e con moitos menores de idade polo medio. As autoridades policiais vense desbordadas na Costa da Morte, pero tamén na maioría de cidades de Galicia. En moitos casos, a falta de patrullas da Garda Civil, ou a presenza da Policía Local con auxiliares de servizo sen capacidade xurídica para actuacións, control ou detención de persoas, non fan máis que complicar unha situación que a todos os responsables fóiselles das mans.
Pa mostra o ocorrido esta fin de semana en Corcubión, e se isto pasa nun concello con escasos dous mil habitantes e sen festas patronais polo medio, xa nos podemos imaxinar que pode pasar en todos os demais. Na Praia de Quenxe varias decenas de mozos, hai quen cifra a multitude en máis de 300, acomodáronse para beber ao aire libre tras a mirada atónita dos veciños. Ao lugar aproximouse unha patrulla da Garda Civil, que segundo algunhas testemuñas non foi ben recibida e mesmo sufriu insultos e lanzamento de obxectos de lonxe. «A nosa clase política, que todo o arranxa a base de comités de expertos, ten un gran traballo por diante», afirmaba esta mañá un veciño do lugar no anonimato. Cabe lembrar que cada participante nestas quedadas ilegais pode ser sancionado con multas de entre 200 e 300 euros.