Decenas de ucraínos atacan varios autobuses con repatriados de China polo coronavirus

1 minutes read
  • A revolta produciuse despois de que se volvese viral un falso email onde se informaba de varios casos de coronavirus no país

O medo por ser infectados polo coronavirus ou COVID-19 provocou que decenas de ucraínos atacasen varios autobuses con repatriados desde Wuhan no seu traslado desde o aeroporto ata o hospital en Novi Sanzhary, no centro de Ucraína.

A causa deste balbordo foi a viralización dun email falso do ministerio de sanidade informando de varios casos de coronavirus no país. Información que inmediatamente corrixiu o Servizo de Seguridade de Ucraína a través dun comunicado, de feito, actualmente non hai ningún caso confirmado.

Segundo o portal de noticias Euronews, unha das manifestantes mostraba a súa preocupación debido á pobreza na que vive o pobo. Outro dos concentrados apostaba por levar aos repatriados a Chernobyl, a cidade ucraína onde se viviu o peor desastre a nivel nuclear en 1986.

Desde o goberno central, o Presidente Volodymyr Zelensky pediu empatía para os repatriados. Incluso a ministra de sanidade, pasará a corentena no hospital en solidariedade cos evacuados.