As nais e pais do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo asistiron ao desenvolvemento da Comisión 4.ª de Educación e Cultura no Parlamento de Galicia. Nun comunicado afirmaron que quedaron sorprendidos ao presenciar como “os representantes do Goberno presentaron cifras e datos manipulados, negando incluso a redución de aulas de infantil de 3 a 2, e contabilizando a unha docente que actualmente non traballa no centro. Ademais, preocupounos que o secretario xeral descoñecese o significado das siglas NEE e NEAE, e que unha voceira popular cualificase o centro como “escola infantil”. Demostrando ambos o seu total descoñecemento sobre o tema que estaban a tratar”.
“Finalmente, argumentouse que os pais descoñecemos a realidade das aulas dos nosos fillos, e que o recorte non é máis que unha ficción. O punto culminante, foi a votación en contra por parte do PP e a súa persistente negativa de velar polos intereses dos nenos e nenas de Carballo. Queremos deixar claro que seguimos firmes e decididos na nosa loita contra os recortes do goberno do Partido Popular”, conclúen os pais e nais.