O décimo paquete de sancións da Unión Europea contra Rusia prohibirá a exportación de bens industriais críticos por valor de 11.000 millóns de euros, incluirá na lista negra a propagandistas e, por primeira vez, dirixirase contra entidades vinculadas ao Corpo da Garda Revolucionaria de Irán por axudar ao Kremlin na súa guerra contra Ucraína. Este novo paquete chega mentres a OTAN advirte de que xa está en marcha unha nova gran ofensiva rusa no leste de Ucraína. No centro, a cidade de Bajmut que está a soportar un incesante lume de artillería.
A prohibición de exportacións proposta pola Comisión abarcará a electrónica, os vehículos especializados, as pezas de recambio para camións e motores a reacción, así como ferramentas de construción, como antenas e guindastres, que poderían reorientarse á guerra, explicou a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen. O bloque cre que Rusia non poderá obter estes produtos esenciais fabricados en Occidente doutros provedores como China e o exército acabará sufrindo unha escaseza que podería reducir a súa potencia.
Impoñeranse novas restricións a un total de 47 novos compoñentes electrónicos, así como a materiais de terras raras e cámaras térmicas, que poden empregarse para construír armas rusas. O paquete deberá ser debatido e aprobado por unanimidade polos Estados membros, co obxectivo de que estea en vigor cando se cumpra un ano da guerra, o 24 de febreiro.