Declarada a alerta por episodio de calor en Galicia durante esta semana

1 minutes read

A Xunta de Galicia, a través do seu Comité Permanente de Coordinación, no marco das actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, declarou este luns o nivel de alerta 1 (amarelo) nas zonas do interior denominadas Sur de Lugo e Montaña de Ourense, e o nivel 2 (laranxa) na zona de Valdeorras.

A situación meteorolóxica vai quedar caracterizada en Galicia ata a xornada do xoves pola chegada dunha masa de aire cálida que deixará temperaturas moi elevadas.

Martes e mércores serán os días de máis calor, con termómetros por riba dos 40ºC en zonas de Ourense e dos 35ºC no resto de Galicia, aínda que o martes no extremo norte aínda poderían manterse un pouco por baixo.

Xa o xoves empezará a descender un pouco a temperatura, sobre todo polo litoral, onde empezarán as brisas e isto achegará algunha nube baixa ou néboa, aínda que as temperaturas manteranse altas. No interior seguirá a calor, pero xa con temperaturas por baixo dos 40ºC. Agardamos entre venres e sábado unha caída notable das temperaturas que previsiblemente fará que remate este episodio de calor en toda a Comunidade.