Declarado un incendio nun almacén con herba seca en Santa Comba


Os servizos de emerxencia traballaron boa parte deste martes nun lume orixinado no interior dun almacén que contiña herba seca, en Santa Comba, sen que se rexistrasen danos persoais. Os feitos tiveron lugar en Barbeira, na parroquia de Fontecada. O 112 Galicia tivo coñecemento do incendio a través dunha persoa particular. Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros de Xallas, da Garda Civil, da Policía Local e do Servizo Municipal de Protección Civil. Pouco despois, para prestar colaboración nas tarefas de extinción do incendio, incorporáronse ao operativo os efectivos do GES de Brión e persoal de incendios forestais, con cadansúas motobombas.