Declarados cinco novos focos de enfermidade hemorráxica epizoótica bovina en Galicia

En concreto, un na provincia de Ourense, no concello da Mezquita (comarca veterinaria da Gudiña); tres na provincia de Lugo, nos concellos de Guitiriz (Terra Cha Guitiriz), A Pastoriza (Terra Cha Castro) e Taboada (Chantada); e o primeiro foco na provincia de Pontevedra, no concello de Vila de Cruces (Deza). Agás no caso da explotación de Guitiriz, con catro bovinos afectados, no resto de casos só un animal do total dos bovinos presentes na explotación presentaba sintomatoloxía compatible con esta enfermidade.

Nos 13 focos notificados por Galicia ata a data, noutras tantas comarcas veterinarias da nosa comunidade, ata o de agora tense rexistrado a morte de 10 vacas a causa da EHE.

Neste senso, cómpre sinalar que a EHE é unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp.

Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Polo tanto, existe un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao no existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.

A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, cómpre aclarar que esta doenza non afecta ás persoas, nin pola picadura do mosquito transmisor, nin por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha