O anuncio foi realizado este sábado en Ferrol nunha rolda de prensa na que participaron Francisco X. González, decano do Colexio de Xornalistas, Xulia Díaz, presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Darío Janeiro, secretario do Premio José Couso, e Jorge Suárez, alcalde de Ferrol.
#DefendeAGalega é o lema da mobilización semanal dos traballadores dos medios públicos galegos, que xunto ás camisolas negras se converteu no último ano nun exemplo de dignidade e de resistencia en defensa do valor da información, sen a cal non é posible exercer a liberdade, e do valor do público, imprescindible para garantir o principio de igualdade de oportunidades.
As mobilizacións dos venres (os venres negros) comezaron en maio do pasado ano e continúan semana tras semana. Neste tempo houbo paros parciais, unha manifestación (o 8 de setembro) e mesmo unha folga de 24 horas (o 19 de decembro) .
A acta do premio destaca que esta mobilización «sen precedentes nos medios públicos galegos» conseguiu popularizar entre a cidadanía reclamacións básicas para a deontoloxía profesional e a liberdade de intormación, como a necesidade de traballar sen presións externas, a defensa do público ou a creación dun Consello de Informativos.