Defensa e promoción do teatro afeccionado

PIXABAY

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a presidenta da Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea), Mª Consuelo Pampillón Alonso, asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento do circuíto teatral a nivel autonómico e o festival Agustín Magán.

Ao abeiro deste acordo, a Xunta destinará 35.000 euros á realización de varias ducias de representacións que percorrerán toda Galicia coas últimas propostas escénicas de grupos federados das catro provincias galegas.

O obxectivo é promover a mobilidade xeográfica dos grupos de teatro, de xeito que os participantes non poderán actuar na cidade na que radica o seu domicilio social, e contribuír así a descentralizar a oferta cultural.

A Federación Galega de Teatro Afeccionado está composta por 53 agrupacións e constitúe a maior estrutura teatral organizada en Galicia. Ademais, cada un destes grupos contribúe a dinamizar o movemento cultural e social da súa localidade, onde, en moitos casos representan a única alternativa de programación cultural.