Demándanlle á Xunta a creación dunha autoridade única do transporte metropolitano


A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, proponlle á Xunta que constitúa en tres meses un grupo técnico de traballo entre ambas as institucións e os concellos afectados para estudar a posta en marcha da autoridade única do  transporte metropolitano logo de que o Goberno autonómico lle presentara o novo convenio na pasada comisión. Rey avoga por que as cuestións que poidan xurdir en relación co Plan de accesibilidade se diriman no seo da comisión bilateral de seguimento do dito Plan e que os servizos regulares urbanos se poidan estender máis aló dos límites do termo municipal da Coruña, tal e como xa recollía o acordo anterior asinado en 2010. Cre que coa coordinación de liñas urbanas e interurbanas de viaxeiras/os por estrada se mellorarán as condicións de accesibilidade das persoas usuarias da rede de transporte público.