Denegada a autorización de vertedura de augas residuais da mina de Varilongo


A Xunta, a través de Augas de Galicia, decidiu denegar a autorización de vertedura de augas residuais da mina de wolframio e estaño de Varilongo, no concello coruñés de Santa Comba, ante a falta de atención dos requirimentos da documentación necesaria.

A empresa Galicia Tin & Tungsten, S.L presentou, con data de 26 de marzo do pasado ano, a solicitude de autorización de vertedura para a explotación mineira de wolframio e estaño de Varilongo. Unha vez recibida a petición, Augas de Galicia iniciou a tramitación do procedemento correspondente, solicitándolle á empresa, en varias ocasións, documentación complementaria, virando visitas de inspección á zona e requiríndolle a realización das actuacións precisas no sistema de tratamento de verteduras para solucionar as deficiencias detectadas que levasen ao cumprimento dos requisitos esixidos.

Ante a falta de presentación da documentación requirida por parte da empresa, Augas de Galicia resolveu o arquivo do expediente de autorización de vertedura de augas residuais da devandita explotación mineira.

Na resolución adoptada, Augas de Galicia lémbralle ao interesado o deber de dispoñer de autorización previa e expresa desta entidade para poder efectuar verteduras directas ou indirectas ao dominio público hidráulico.

Tamén ordena a inspección das instalacións para os efectos de constatar a ausencia de verteduras de augas residuais ao medio e, no seu caso, adoptar as medidas sancionadoras que correspondan pola realización de verteduras non autorizadas.