Membros da Asociación de Empresarios de Santa Comba procederon á retirada de 9 carteis que promocionaban unha Feira de venda de automóbiles en Amio, unha problemática que tachan de recurrente e ilegal, dado que a instalación de carteis publicitarios en vía pública non está permitido para as empresas locais, asociacións, comisións de festas etc. polo que ven menos de recibo que o faga unha empresa de fóra. Danan a imaxe das vilas, creando confusión e competencia desleal coas empresas de Santa Comba, afirman. Como decimos é unha problemática que se repite, nunha primeira ocasión retiráronse 21 carteis, nunha segunda vez 24 carteis e desta volta 9, ubicados na Avenida Brasil e na Pereira. Os feitos foron postos en coñecemento da Policía Local que se encargará a vindeira semana de tramitar a correspondente denuncia á empresa anunciadora mediante o Concello.
39