Denunciadas 8 persoas en Malpica por estar nun bar fóra do horario permitido e insultar á Garda Civil

1 minutes read
  • Os feitos sucederon este martes e o xerente do local tamén foi denunciado por incumprir as normas

Axentes da Garda Civil de Ponteceso identificaron este martes a oito persoas (seis homes e dúas mulleres) na terraza dun establecemento de hostalería da localidade coruñesa de Malpica de Bergantiños, onde se atopaban consumindo bebidas alcohólicas fóra do horario permitido.

Os compoñentes da Garda Civil tiveron coñecemento dos feitos grazas ás chamadas realizadas polos veciños, quen indicaban que o local se atopaba aberto ao público e que había un elevado número de persoas tanto no exterior coma no interior do mesmo.

As persoas identificadas atopábanse bebendo e fumando sen gardar a distancia de seguridade e, algunhas delas, sen máscara. Aínda sendo avisados polas autoridades, os denunciados non colaboraron en ningún momento e mesmo increparon aos axentes con insultos.

Por todo isto, a Garda Civil interpuxo diversas denuncias tanto ás persoas consumidoras como ao propietario do establecemento, quen destacou que era consciente da situación pero que tiña pensado pechar en canto os clientes acabasen as últimas copas.