A Federación galega de asociacións de usuarios e familiares de residencias e centros de dependencia REDE presentou unha denuncia ante a Fiscalía Superior de Galicia contra dous altos cargos da Xunta e unha funcionaria pola súa xestión en relación cos xeriátricos.
A entidade asegura que a situación nas residencias que «desembocou no fatal escenario actual» por mor da crise sanitaria do coronavirus era «coñecida e consentida» pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e polo Servizo de Inspección de Maiores e Discapacitados, a cuxos responsables considera «cómplices».
Os denunciados ante o ministerio público son o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa; o subdirector xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais, Fernando González, e a xefa do servizo de Inspección de Maiores e Discapacitados, Berta Besada. Por se a súa xestión, antes e durante a pandemia, puidese ser constitutiva dos delitos de denegación de auxilio, abandono, omisión de socorro e prevaricación.