Denuncian a talla dunha árbore de gran porte nos xardíns de Montero Ríos, en Vigo

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo denuncia a talla dunha árbore de gran porte nos xardíns de Montero Ríos realizada pola Autoridade Portuaria, poucas horas despois de que a fronte nacionalista reclamara garantías na Comisión Informativa de Medio Ambiente do Concello de que a ampliación e a reforma do aparcamento soterrado do Náutico non vai supoñer danos sobre este espazo verde e o seu arboredo.

«Imos esixir á Autoridade Portuaria de Vigo que aporte os informes técnicos que xustifiquen que o estado da saúde dese exemplar facía inevitábel a súa talla», reclamou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que advertiu ademais da intención por parte da entidade portuaria de proceder á talla de máis árbores nos xardíns de Montero Ríos baixo o pretexto de que están enfermos.

O edil nacionalista lembrou que o arboredo urbano é «fundamental» tanto para facer a cidade máis habitábel como ambientalmente máis sustentábel.