Denuncian ante a Valedora do Pobo a prohibición dos mercados alimentarios de proximidade


O Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Federación Rural Galega (FRUGA) veñen de rexistrar unha queixa diante da Valedora do Pobo para tentar resolver, segundo afirman, dunha vez por todas, o grave problema que supón para miles de familias labregas manter prohibidos os mercados alimentarios de proximidade.

“Estamos fartos e fartas de que as diversas administracións se pasen a pelota unhas a outras sen que ningunha exerza as súas competencias nesta cuestión, mentres vemos con abraio como outras comunidades autónomas -como Euskadi, Cataluña, Navarra ou Baleares- regulan e autorizan este tipo de mercados. E poden facelo porque, tal e como argumenta o gabinete xurídico que redactou a queixa dirixida á Valedora do Pobo, non hai ningún artigo nin decreto que prohiba os mercados alimentarios de proximidade, e si varios que obrigan a garantir a libre circulación e comercio de bens de primeira necesidade como os alimentos”.

Dende o sindicato afirman que “A pinga que vén de colmar o vaso é o spot propagandístico que fixo público a Xunta de Galicia no que se promoven as grandes superficies comerciais como substitutas das feiras e feiróns tradicionais. Trátase de toda unha declaración de intencións xa que, se existise algunha vontade por parte da Xunta de reabrir os mercados de proximidade, poderíanse ter aforrado a realización desta campaña”.

Actualmente, existen datos económicos que demostran que o réxime de oligopolio co que se están a ver beneficiadas as grandes distribuidoras -ao prohibirse os mercados de proximidade e ignorar o pequeno comercio- se está a traducir nunhas condicións de compra leoninas. Que a venda de hortalizas se disparase un 44% durante a crise, ao tempo que os prezos en orixe caeron un 77%, ilustra perfectamente como se está a favorecer arbitrariamente á parte máis forte da cadea de valor en detrimento dos labregos e das labregas.

Por iso, entre outros quince requirimentos, piden á Valedora do Pobo que “inste á Presidencia da Xunta para que dea as pertinentes ordes e dite as pertinentes normas ou instrucións para que se repoña a normalidade nos mercados de alimentos locais ou de proximidade non sedentarios, de modo que se permita celebralos con carácter inmediato para rematar coa discriminación que sufrimos en Galicia a este respecto”.