O sindicato médico O’Mega vén de presentar ante a Inspección de Traballo da Coruña unha denuncia pola “acumulación de pacientes” nos corredores de entrada do servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), unha situación que tanto as organizacións sindicais como a Asociación de Pacientes teñen denunciado en múltiples ocasións nos últimos tempos.
En concreto, foi a delegada de Prevención do sindicato na área sanitaria de Santiago-O Barbanza, a doutora Fátima Nercellas, quen presentou esta denuncia. Nun comunicado, explica que os enfermos que xa teñen asinada a súa orde de ingreso en planta teñen que quedar nos corredores “ao non ter cama”.
“A xerencia do CHUS persiste na súa dinámica de acumular pacientes con ingreso asinado —pendentes de ingreso en planta— no servizo de Urxencias, co que os pacientes graves que veñen consultarse acumúlanse no corredor de entrada por falta de sitio para poder velos, sobre todo nos picos de maior asistencia de 13 a 18 horas”, relata no escrito.
A denunciante explica que todo empeorou na última semana, cando o coordinador “deu orde de sacar ao corredor de observación” a estas persoas até que suban a planta, todo “porque a xerencia mantén plantas fechadas, xa que non ten persoal” por mor da súa “política de contratación”. Ademais, a delegada sindical de O’Mega menciona a lexislación de prevención de riscos laborais para argumentar que “un corredor, vía de tránsito ou evacuación non é un lugar de traballo” para o persoal sanitario.