O grupo provincial do PSdeG-PSOE denunciou «irregularidades» por parte da Deputación de Ourense na concesión de axudas a autónomos e pequenas e medianas empresas para facer fronte á crise da Covid-19 por estar «rexistradas fóra do prazo legal».
O portavoz socialista, Rafael Rodríguez Villarino, sinalou que esta circunstancia afecta «683 solicitudes de persoas físicas e xurídicas que procederon ao rexistro da documentación en 12 de maio, un día antes de que comezase realmente o prazo» e asegurou que algunhas destas «xa foron pagas».
Os socialistas atribuíron esta situación á «difusión de información privilexiada por parte de cargos do PP» coa intención de «dar axudas aos seus amigos». Neste sentido, o deputado Ignacio Gómez acusou o PP de crear «unha trama de subvencións para premiar aos seus».
O importe das subvencións directas ascende a 600 euros para os autónomos e até 1.000 euros para pemes, outorgadas por concorrencia competitiva segundo a orde de rexistro das solicitudes e até esgotar o crédito habilitado de 3.8 millóns para tal fin.
Rodríguez Villarino atribuíu este «modo de actuar dalgúns deputados do PP» á «procura dun lucro electoral» e á «política caciquil que caracteriza o goberno de Baltar».