O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Carballo denuncia o «estado de emerxencia ambiental» que sofre a lagoa de Baldaio, un dos espazos protexidos máis valiosos de Galiza, despois de comprobar a aparición de peixes mortos na ría e a alarmante deterioración e mudanza na cor da auga, provocada polo peche total do canal ao mar dende o pasado mes de maio.
Para o BNG, as imaxes de fauna morta e a evidente eutrofización do ecosistema son o resultado directo da «indolencia e o abandono crónico» por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, que ignoraron as advertencias e comunicacións oficiais remitidas dende Carballo dende hai meses.
Dende o BNG lembran que esta situación non é nova, senón o reflexo dunha total falta de previsión e plans de xestión por parte do Goberno galego do PP, que actúa «tarde, mal e arrastro» ante un problema que se repite ano tras ano coa dinámica de sedimentos da bocana.
«O que estamos a ver en Baldaio non é un fenómeno natural inevitable, é a consecuencia de non querer escoitar nin previr. O sector marisqueiro, que aínda trataba de erguer a cabeza tras o catastrófico peche do ano pasado, atópase hoxe de novo desamparado ante un ecosistema que agoniza por falta de osíxeno», sinala a responsable local do BNG, Inés Rodríguez.
O BNG alerta de que a perda de biodiversidade e a degradación da calidade da auga en plena campaña estival supón un golpe durísimo tanto para o tecido marisqueiro local como para o potencial turístico e de lecer de Carballo. A maiores, os nacionalistas lembran que o taponamento da lagoa supón un perigo inmediato de inundacións para os viarios e as vivendas da contorna no momento en que comecen as primeiras choivas fortes.
Ante a gravidade dos feitos, o BNG anuncia que trasladará, a través dos representantes no Parlamento de Galiza, iniciativas urxentes para esixir explicacións á Xunta e demandar unha partida orzamentaria e un plan técnico definitivo que estabilice o ciclo natural da lagoa de Baldaio sen comprometer a súa integridade.
«Non imos permitir que a Xunta siga mirando para outro lado mentres un espazo protexido pola Rede Natura se converte nunha lagoa estancada e morta. Esiximos a apertura mecánica inmediata da canle e un compromiso real co futuro de Baldaio, do seu marisqueo e da súa veciñanza», conclúe Inés Rodríguez.