Denuncian sondaxes ilegais en Coristanco e Santa Comba

O Sindicato Labrego Galego (SLG) vén de presentar, xunto a outros colectivos e organizacións, unha denuncia diante da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística contra as sondaxes mineiras ilegais nas que está a reincidir a empresa Eurobattery Minerals en Coristanco e Santa Comba. A denuncia tamén foi presentada diante da Consellaría de Economía, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, do Concello de Santa Comba e da Policia Autonomica.

As sondaxes poderíanse estar facendo nunha zona de “especial valor e alta singularidade ecolóxica”: a zona húmida Braña da Serra. Ao tratarse de sondaxes inclinadas, poderían afectar a acuíferos e reservas freáticas de auga. De feito, hai constancia da existencia de fontes que fornecen auga para nove familias do lugar a pouco máis de un quilómetro de distancia.

Corcel Minerals, empresa matriz de Eurobattery, vén de anunciar na súa páxina web que iniciou ou vai iniciar, este mes de xuño unha nova campaña de sondaxes para os que contrataron a empresa Geonor. Na denuncia explícase que “a mesma empresa realizou, ilegalmente, sen autorización da Dirección Xeral de Política Enerxética e Recursos Naturais nin autorización urbanística municipal, catro sondaxes en 2019, que xa daquela foran denunciadas. Segundo o SLG a día de hoxe, segue carecendo das preceptivas autorizacións.

No escrito de denuncia tamén se explicita que ningunha das sondaxes ilegais teñen plan de restauración nin estudo de impacto ambiental, amais de non ter sido sometidas a información pública. Por todo o devandito, dende o SLG solicitan da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística a paralización inmediata das mesmas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha