Denuncian verteduras ao río Xallas con metais pesados de Varilongo


Ecoloxistas en Acción tivo coñecemento que por parte da mercantil Galicia Tin & Tungsten SL se deu orde verbal a operarios ao servizo da empresa para que iniciasen traballos de bombeo/achique forzado das plantas inundadas da mina.

Nunha inspección ás instalacións do Grupo Mineiro Santa Comba verificouse que efectivamente se estaba realizando o vaciado das plantas inundadas mediante achique forzado. Estas augas residuais industriais de mina circulan por diferentes canalizacións e balsas ata verterse no rego da Braña Ancha, cara o Sur do punto de bombeo.

Ecoloxistas en Acción denuncia que as augas residuais de mina que están sendo bombeadas levan acumuladas no interior da mina case 30 anos, desde finais dos anos 1980, contendo con toda probabilidade altas concentracións de metais pesados, ao tratarse dunha antiga explotación de minería metálica con importantes cantidades de sulfuros (arsenopirita, calcopirita e pirita) xeradores de drenaxes ácidas de mina, susceptibles de produciren importantes impactos sobre o medio ambiente.

As evidencias visuais da contaminación por metais pesados son claramente perceptibles no transcurso dos 6 km do rego da Braña Ancha desde as instalacións mineiras ata a súa confluencia co Río Xallas. Durante este percurso, e ata a confluencia do Xallas, hai diversos puntos onde se obervan precipitados metálicos en prados e canles resultantes das enchentes que as chuivas dos últimos días provocaron en diversos tramos do río. A continuación inclúese fotografía de precipitados metálicos resultantes das drenaxes ácidas de mina a 5,5 km da explotación, e a menos de 100 metros desde a confluencia co río Xallas.

A actuación da empresa mineira ten o agravante de que é realizada en plena época de chuvias para minimizar o risco de detección da elevación da cantidade de metais pesados polo efecto da disolución, salientándose que a empresa non conta con ningún sistema de tratamento que poida eliminar as elevadas concentracións de metais pesados presenta nas augas residuais, unha vez que o sistema de balsas polo que pasa só limitan a cantidade de sólidos en suspension, e non as especies metálicas en disolución, que por tanto están afectando de forma directa ao ecosistema fluvial.