A asociación Íntegro ven de celebrar unha nova edición dos Xogos Inclusivos Íntegro, unha actividade que se converteu nunha auténtica festa do deporte, a convivencia e a amizade.
Na xornada participaron cinco entidades sociais —Íntegro, Avante, Amarai, Misela e Adibismur— xunto co CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños, cuxo alumnado formou parte dos equipos para favorecer a inclusión e o traballo en equipo. Cada equipo estivo composto por cinco persoas usuarias e un neno ou nena, competindo en distintos xogos que combinaron diversión, creatividade e cooperación.
Ao longo da mañá desenvolvéronse varias probas: o Xogo do Paquete, o Xogo da Rá, o Xogo das Bolas, o Xogo do Tangram e, como broche final, unha gran Oca xigante na que reinou o entusiasmo e o espírito deportivo.
O pavillón estivo dividido en dúas zonas, permitindo celebrar dous xogos simultáneos, e contou cun ambiente festivo amenizado con música, aplausos e moitas risas. A xornada concluíu coa entrega de trofeos aos tres mellores equipos de cada xogo, recoñecendo o esforzo, a cooperación e a ilusión de todas as persoas participantes.
Desde a asociación Íntegro agradecen a todas as entidades participantes polo seu entusiasmo e implicación, e por facer deste día unha auténtica xornada de convivencia, valores e diversión, demostrando que o deporte é unha poderosa ferramenta para fomentar a igualdade, a inclusión e a amizade.

 
  
 