Deporte, inclusión e solidariedade na 3ª andaina solidaria de Íntegro. Aberto o prazo de inscrición

A asociación Íntegro e o centro especial de emprego Máis Porvir poñen en marcha, coa colaboración do Concello de Cabana, a terceira edición da andaina solidaria “Por un millón de pasos”, unha iniciativa que combina deporte, lecer e compromiso social, e que se celebrará o vindeiro 25 de abril, a partir das 16:00 horas.
Tras o éxito acadado nas anteriores edicións, o evento consolídase como unha cita destacada no calendario local, co obxectivo de fomentar hábitos saudables, promover a inclusión e apoiar o labor social da entidade a través dunha actividade aberta a toda a veciñanza.
A andaina contará cun percorrido accesible de 4,5 quilómetros e de baixa dificultade, que permitirá a participación de persoas de todas as idades e condicións físicas. A ruta partirá da Praza de Canduas, continuará pola Praia do Curro e rematará na Praza do Pendón, en Cabana de Bergantiños, ofrecendo a posibilidade de gozar dunha contorna natural privilexiada. Ademais, co obxectivo de fomentar a participación das familias e, especialmente, dos máis pequenos e pequenas, a organización ten previstas sorpresas e pequenos agasallos dirixidos ao público infantil, co propósito de facer da xornada unha experiencia aínda máis atractiva e divertida para todos os públicos. Deste xeito, Íntegro reforzará o carácter inclusivo e familiar da andaina, promovendo a implicación das novas xeracións en actividades saudables e solidarias.
Durante a xornada, as persoas participantes poderán desfrutar non só do paseo, senón tamén dun ambiente festivo e inclusivo, con propostas complementarias que contribuirán a facer da actividade unha experiencia completa para familias, amizades e grupos.
Inscricións abertas
O prazo de inscrición xa está aberto. O prezo será de 5 euros para persoas adultas e de 3 euros para nenos e nenas ata 12 anos, incluíndo avituallamento. Ademais, quen o desexe poderá adquirir a camiseta conmemorativa do evento por 5 euros.
Para formalizar a inscrición, as persoas interesadas deberán cubrir o seguinte formulario https://shre.ink/AndainaSolidaria2026 ou solicitar máis información a través dos teléfonos 981 734 985 ou 650 961 649, así como no correo electrónico info@integro.es.
Desde Íntegro anímase a toda a cidadanía a participar nesta terceira edición da andaina solidaria, unha oportunidade para practicar deporte ao aire libre, gozar da contorna natural da Costa da Morte e contribuír, ao mesmo tempo, a unha causa social que promove a inclusión e a igualdade de oportunidades.

Related posts

Trasladan a un axente do Seprona no Pesca II logo de caer por un desnivel coa moto que pilotaba en Baldaio

O Concello da Laracha licita dous proxectos de mellora viaria que afectan a catro parroquias

Presentado en Baio o primeiro pase do documental ‘A Costa e os Castelos. Unha viaxe pola Costa da Morte’