Deputación da Coruña e CMAT abordan o estado do Parque do Megalitismo para o turismo da Costa da Morte

2 minutes read

A Deputación da Coruña mantivo unha reunión coa CMAT, a asociación de turismo da Costa da Morte, para analizar o estado actual do Parque do Megalitismo, un proxecto impulsado pola área de Patrimonio da institución provincial. No encontro participaron o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas; o presidente do Parque do Megalitismo e alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira de Dumbría e vogal da CMAT, María Lema Santabaya.

Durante a reunión, analizouse a situación actual do parque e os avances realizados para facer realidade esta iniciativa. O deputado de Patrimonio explicou que a Deputación xa asinou o convenio con Estudo Técnico Galego para levar a cabo as expropiacións necesarias. Así mesmo, estanse iniciando as actuacións relacionadas coa sinalización, un paso fundamental para facilitar a identificación dos elementos patrimoniais e avanzar na futura organización das visitas.

As persoas participantes coincidiron en destacar a relevancia do Parque do Megalitismo para A Costa da Morte, tanto pola súa dimensión patrimonial e cultural como polas oportunidades que ofrece para o desenvolvemento turístico da comarca. «A posta en marcha das visitas e a execución do proxecto permitirán valorizar o importante legado megalítico do territorio, mellorar a súa difusión e contribuír á creación dunha oferta turística vinculada á historia, á cultura e á identidade local» sinalou Penas.

«O parque representa, así, unha oportunidade para reforzar o atractivo da Costa da Morte como destino turístico, diversificar os recursos que ofrece ao visitante e favorecer a dinamización dos concellos implicados, poñendo en valor un patrimonio singular e compartido» engadiu o deputado.

Ambas as entidades puxeron en valor a «estreita e fluída colaboración», que consideran «fundamental». «A cooperación entre as administracións e o sector turístico local é clave para avanzar na promoción dos recursos do territorio e garantir que proxectos estratéxicos como o Parque do Megalitismo teñan un impacto positivo no conxunto da comarca».

A reunión permitiu, deste xeito, compartir información sobre o avance dos traballos, poñer en común as necesidades existentes e reafirmar a importancia da cooperación institucional para impulsar un proxecto chamado a converterse nun recurso destacado para a Costa da Morte, tanto pola súa riqueza patrimonial como polo seu potencial cultural e turístico.