Un nómade dixital é unha persoa que utiliza internet para desenvolver a súa ocupación profesional ou para vender os seus coñecementos a outras persoas ou empresas o que lle permite traballar de forma remota e polo tanto levar unha vida viaxeira, xa non se trata só dunha forma de traballo senón dun estilo de vida que permite que teñas a túa oficina en calquera punto do mundo con boa conexión á rede.
O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, e o alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, asinaron un convenio para o financiamento do proxecto piloto ‘Galicia Remota’.
Con esta iniciativa búscase crear un novo modelo de turismo, innovación e sustentabilidade para facer do rural un polo de atracción de persoas que podan desenvolver a súa labor profesional en teletraballo desde calquera lugar do mundo. ‘Galicia Remota’ pretende facilitar que as persoas traballadoras online vexan unha oportunidade na que vivir experiencias únicas de crecemento persoal e profesional e descubran novos lugares ao mesmo tempo que desenvolven o seu traballo en liña.
O ente provincial contribúe ao financiamento da actividade cunha achega de 24.000 euros, o 80 % do orzamento total, que ascende a 30.000 euros.
Regueira destacou que “a presenza de nómades dixitais pode contribuír á promoción indirecta do destino turístico a través do que estas persoas publiquen nas súas redes sociais, o que pode aumentar a visibilidade do lugar e atraer outros tipos de turistas que tamén queiran coñecer a localidade”.