Deputación da Coruña e Fademur recoñecen a labor das mulleres rurais


Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller da Rural, a Deputación da Coruña e Fademur organizaron este venres na Granxa O Castiñeiro, no Concello de Ordes, un acto conmemorativo para recoñecer publicamente a labor das mulleres rurais nos distintos eidos. Debido ás limitacións ocasionadas pola expansión da COVID-19 decidiuse facer este acto nun formato reducido e só participaron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, a presidenta de FADEMUR Galicia, Rosa Arcos, e o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García. O acto incluíu unha entrega de galardóns que pretenden recoñecer o labor das mulleres rurais en distintos ámbitos. O festival Festiletras de Ponteceso, o taller de artesanía Vacatola de Ferrol, María Luz Gómez Fernández, da Granxa O Castiñeiro de Ordes e a xornalista María Cedrón, foron premiadas este ano polo seu compromiso feminista co rural.