Deputación e Cogami colaboran nun programa de inserción laboral a persoas con discapacidade

Foto.- Cedida.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente de Cogami, Anxo Queiruga, reuníronse na sede da institución provincial para abordar a colaboración entre ambas entidades.

Ambos analizaron os resultados do Servizo de Intermediación Laboral (SIL), un programa que conta co apoio económico Deputación, e que o ano pasado facilitou a inserción laboral de 2.184 persoas con discapacidade en Galicia, 955 delas na provincia da Coruña.

O presidente da Deputación da Coruña gabou o “extraordinario traballo” desenvolvido por un equipo multidisciplinar de profesionais en orientación laboral e axentes de emprego para buscar os perfís profesionais que mellor se adapten ás necesidades das empresas e apuntou que se trata “dunha axuda fundamental para un colectivo con especiais dificultades para acceder ao mercado laboral”.

Neste sentido, destacou que a Deputación incrementou no pasado mandato a súa achega ao programa, pasando dos 60.000 aos 90.000 euros anuais, para manter en funcionamento un servizo que permite que cada ano arredor de 2.000 persoas con discapacidade poidan acceder a un emprego.

Anxo Queiruga incidiu tamén nos bos resultados do SIL e agradeceu o apoio económico da Deputación para o desenvolvemento dun servizo que conta con 18.000 persoas inscritas, 8.033 delas da provincia da Coruña, e lembrou que as especiais dificultades da inserción laboral deste colectivo estanse a agravar polas consecuencias sociais e económicas derivadas da pandemia do Covid19.