O Concello e a Deputación da Coruña formalizaron o convenio polo que a empresa Tragsa porá en marcha nos vindeiros días o novo Plan de choque de limpeza. O traballo comezará cunha primeira fase de 256.000 euros e 30 días de duración, en que se empregarán dez vehículos máis nos que desenvolverán as súas tarefas un total de 21 traballadoras/es, entre eles, seis son condutoras/es, doce peoas/peóns, dúas persoas capataces e unha con título medio. O horario laboral será de 07.00 ás 15.00 horas, de luns a venres, e non haberá quenda de tarde nin a nocturna para evitar os ruídos da maquinaria.
Co novo contrato, o concello realizará un maior esforzo nas zonas cunha alta densidade de poboación e coordinará o labor do equipo contratado para a limpeza co do persoal traballador dos servizos ordinarios para que o plan adquira unha maior profundidade. Deste xeito, atenderase á posta a punto de elementos como as marquesinas e os pavimentos, nos que se actuará nas manchas, verdíns, malasherbas e na suciedade en xeral. Tamén se realizará un baldeo con desinfectante das rúas e actuarase en localizacións concretas afectadas pola falta de hixiene ao concentraren unha cantidade excesiva de residuos.